Wednesday 08 de May de 2024

Turismo de Galicia, en colaboración co Grupo Nove, promociona a cociña galega de vangarda en Barcelona


Vinte dos xefes de cociña máis destacados de Galicia darán a coñecer as últimas novidades da cociña galega na cidade condal o próximo 24 de novembro

Turismo de Galicia, en colaboración co Grupo Nove, celebrará o próximo 24 de novembro en Barcelona un showcooking para promocionar a cociña galega de vangarda.

Deste xeito, viaxarán a cidade condal vinte dos xefes de cociña máis destacados de Galicia para celebrar este novo evento gastronómico no que darán a coñecer as últimas novidades da cociña galega. Os integrantes do Grupo Nove realizarán diversas creacións nas que se reinterpretarán receitas tradicionais e que terán como gran protagonista o produto galego.

Entre outros pratos, poderanse degustar raviolis de tenreira galega con allo asado e pistachos; vieiras con cabaciña, perlas de soia e miolos crocantes; brandada de bacallau con allada; cremoso de congro con areas da praia e follas da marea; anguías do Ulla; canelóns de galina piñeira; lacón con grelos, etc.

O showcooking, que se celebrará no World Trade Center, contará coa presenza da directora xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro, ademais de primeiras figuras da cociña catalá. Así mesmo, está prevista a asistencia de máis de 250 persoas.

Despois do grande éxito de participación e dos excelentes resultados obtidos nos showcookings do Grupo Nove, promovidos por Turismo de Galicia en Madrid e Santiago de Compostela, chega esta nova oportunidade para demostrar nun dos principais destinos turísticos do país e cidade da que procede un gran número visitas a Galicia, a gran capacidade creativa e innovadora da cociña galega e o alto nivel dos seus profesionais.

Tradición culinaria e vangarda

Galicia está agraciada por unha terra rica e fértil e un litoral cunha gran riqueza mariña. Isto unido ao labor de todos os mariñeiros, agricultores e gandeiros galegos fai que teñamos uns produtos de primeira calidade. En concreto, a nosa comunidade conta coa maior variedade de froitos do mar do mundo e somos o primeiro produtor e consumidor español de peixe. Ademais posuímos máis de trinta produtos recoñecidos como produtos galegos de calidade, entre os que sobresaen os viños pertencentes a cinco Denominacións de Orixe Vitivinícola.

Os cociñeiros galegos aproveitan esta materia prima para elaborar pratos de vangarda onde se combina a tradición culinaria que se foi elaborando de xeración en xeración durante décadas, con incorporacións actuais que outorgan diferenciación e valor engadido ao feito de degustar un prato elaborado na nosa comunidade.

Varios dos nosos restaurantes foron galardoados con diferentes distintivos tanto a nivel nacional como internacional, localizándose en Galicia máis de 50 restaurantes certificados coa Q de Calidade Turística aos que hai que engadir os 11 que obtiveron o prestixioso recoñecemento de Estrella Michelin e as 29 distincións Soles Repsol.

Estas distincións repercuten directamente na percepción de Galicia como destino enogastronómico. A gastronomía converteuse nun dos principais atractivos do noso destino e un potente elemento de fidelización. Concretamente é a segunda motivación, tras a natureza pola que os turistas nos elixen como destino.

Plan Integral de Turismo de Galicia

O Plan Integral de Turismo de Galicia identifica a gastronomía do destino como unha das súas fortalezas e a variedade e calidade dos produtos enogastronómicos como elementos que constitúen vantaxes competitivas e diferenciais respecto doutros destinos.

Deste xeito, este Plan Integral inclúe unha liña estratéxica centrada na oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos, buscando a desestacionalización e os novos públicos. Nesta liña figura a acción de posta en marcha do programa para desenvolver e promover o produto transversal do turismo enogastronómico na que enmárcanse iniciativas coma a que terá lugar este mes na cidade condal.